CRTVG

Buscar

Os expertos aseguran que o actual sistema de clasificación enerxética dos electrodomésticos non é fiable

Publicado o 09/03/2020 14:49

O informe europeo pon de manifesto que o actual sistema de clasificación enerxética dos electrodomésticos non é válido, porque cada fabricante utiliza criterios diferentes para etiquetar os seus produtos.

"As medidas fanse en fábrica, polo tanto, normalmente en condicións ideais, e dependendo da fábrica, fanse en condicións diferentes", explica Ángeles López Agüero, profesora da Facultade de Física da USC e experta en sostibilidade e globalización.

Miguel López, da Unión de Consumidores de Galicia, cre que o informe é un tanto "alarmista", pero advirte, ao respecto, que "é evidente que o uso que lles damos aos electrodomésticos na casa non ten nada que ver coas probas que se fan nun laboratorio".

López Agüero pon o exemplo das probas que se fan cunha lavadora: "Fanse ao baleiro, en frío e cun programa curto, entón iso dá un A+++, a máxima eficiencia... pero a realidade non é así".

O problema agrávase, din os expertos, se os electrodomésticos proceden de terceiros países, porque ao chegar aquí cada país verifica de forma distinta ou con máis ou menos rigor a veracidade da etiqueta. Deste xeito, "estamos dicindo que é eficiente enerxeticamente, o usuario está pagando máis por iso, e sen embargo non é verdade".

Unha fraude consentida ata o de agora que en menos dun ano vai cambiar, segundo as previsións das autoridades comunitarias, que deseñan novas etiquetas e un sistema de homologación unificado.

López Agüero avanza que "van obrigar que a unha de cada dez máquinas que se vendan se lle faga esa homologación, e en todos os países han de facelo nas mesmas condicións: condicións medias de uso de cada electrodoméstico".

A nova certificación pretende tamén ser máis comprensible para o consumidor.

Noticias web

09/03/2020