CRTVG

Buscar

Os EUA superan os 118.300 mortos e 2,18 millóns de contaxios de COVID-19

Publicado o 19/06/2020 07:37
Os EUA superan os 118.300 mortos e 2,18 millóns de contaxios de COVID-19

Os Estados Unidos alcanzaron este xoves a cifra de 2.187.876 casos confirmados de COVID-19 e a de 118.334 falecidos, de acordo co reconto independente da Universidade Johns Hopkins.

Esta conta ás 20:00 hora local (00:00 GMT do venres) é de 28.430 contaxios máis que o mércores e de 671 novas mortes.

Nova York mantense como o estado máis golpeado nos EUA pola pandemia, con 385.760 casos confirmados e 30.974 falecidos, unha cifra só por baixo do Reino Unido, O Brasil e Italia. Tan só na cidade de Nova York morreron 22.199 persoas.

A Nova York séguena a veciña Nova Jersey, con 168.107 casos confirmados e 12.869 falecidos;  Massachusetts, con 106.442 contaxios e 7.769 decesos, e Illinois, que reportou 134.830 positivos por coronavirus e 6.537 mortos.

Outros estados cun gran número de falecidos son Pensilvania con 6.361, Michigan con 6.061,  California con 5.316 ou Connecticut con 4.226.

O foco da pandemia nos Estados Unidos desprazouse agora da golpeada Costa Leste aos estados do Cinto do Sol, como California, A Florida, Texas e Arizona, que suman entre os catro case a metade de novos casos en todo o país.

O cómputo provisional de falecidos -118.334- superou xa a cota máis baixa das estimacións iniciais da Casa Branca, que proxectou no mellor dos casos entre 100.000 e 240.000 mortes por mor da pandemia.

O presidente, Donald Trump, rebaixara esas estimacións e mostrábase confiado en que a cifra final estaría máis ben entre os 50.000 e os 60.000 falecidos, aínda que nos seus últimos cálculos agoirou xa ata 110.000 mortos, un número que tamén se superou.

Pola súa banda, o Instituto de Métricas e Avaliacións de Saúde ( IHME) da Universidade de Washington, en cuxos modelos de predición da evolución da pandemia se fixa a miúdo a Casa Branca, calcula que os Estados Unidos chegarán ao mes de outubro superando os 200.000 mortos.