CRTVG

Buscar

Trump di que os EUA se impuxeron ao coronavirus mentres o país supera as 80.000 mortes

Publicado o 11/05/2020 23:35
Trump di que os EUA se impuxeron ao coronavirus mentres o país supera as 80.000 mortes

O presidente dos EUA, Donald Trump, dixo este luns que o seu país "se impuxo" na batalla contra o coronavirus e que a cifra de afectados está a baixar, a pesar de que as mortes acaban de superar as 80.000 e os contaxios os 1,3 millóns. Ao mesdmo tempo, rexeitou renegociar o acordo comercial con China.

Nunha conferencia de prensa destinada a subliñar os avances na produción e distribución de probas de coronavirus nos Estados Unidos, Trump asegurou que o seu país salvou "centos de miles de vidas" na loita contra a COVID-19. "Os Estados Unidos aceptaron a tarefa, estivemos á altura do momento e impuxémonos", sentenciou o presidente.

A declaración de Trump chegou pouco despois de que os Estados Unidos superasen a barreira das 80.000 mortes por mor da COVID-19, segundo o reconto da Universidade Johns Hopkins.

Aínda que o aumento diario no número de mortes se estabilizou e a Universidade de Washington espera que ese indicador baixe ata agosto, a cifra de contaxios segue subindo; só este domingo, rexistráronse 20.000 novos casos nos EUA.

Trump anunciou tamén que espera que esta semana os Estados Unidos superen os 10 millóns de tests feitos e presumiu de que o seu país é o que máis probas por coronavirus realizou ata o de agora, aínda que, se se examina en termos de relación per cápita, segue por detrás polo menos de Italia, Alemaña e O Canadá.

O mandatario insistiu varias veces en que "se alguén quere facer un test, poderá facelo" nos EUA, a pesar de que o número de probas realizadas ata o de agora apenas cobre ao 3 % da poboación e de que só se están facendo a aqueles que mostran síntomas ou aos que estiveron en contacto con eles, como corroborou o alto cargo do Departamento de Saúde Brett Giroir.

Trump subliñou, ademais, que non está "nada contento coa China" nin está "interesado" en renegociar os termos do acordo comercial parcial con ese país á luz do efecto económico da pandemia.

Os Estados Unidos seguen alimentando a hipótese da responsabilidade da China en "ocultar" presuntamente información sobre a "gravidade" da COVID-19. Este luns, unha coalición de 18 fiscais estatais, identificados como próximos ao Partido Republicano, o mesmo do presidente estadounidense, pediu ao Congreso investigar o Goberno chinés pola xestión da enfermidade. "Informes recentes suxiren que o Goberno comunista chinés ocultou á mantenta e con coñecemento información sobre a gravidade do virus, á vez que almacenaba equipos de protección persoal", di unha carta enviada polos fiscais a líderes do Congreso, entre eles a presidenta da Cámara de Representantes, a demócrata Nancy Pelosi, e o líder republicano no Senado, Mitch McConnell.

A misiva apoia a tese esgrimida polo secretario de Estado, Mike Pompeo, quen afirmou durante unha recente entrevista coa cadea de televisión ABC News que o Goberno dos Estados Unidos ten unha "enorme cantidade de probas" de que o novo coronavirus se orixinou nun laboratorio da cidade chinesa de Wuhan, algo que Pequín nega. Os fiscais, cuxa acción se suma a unha demanda presentada o pasado 21 de abril por Misuri contra o Goberno da China, o Partido Comunista Chinés e funcionarios e institucións dese país, piden responsabilizar a Pequín "pola devastación e destrución causadas pola COVID-19".

Mentres, cada vez máis zonas do país buscan regresar á normalidade. O caso máis recente é o de Nova York; tres rexións do norte dese estado comezarán o vindeiro venres a primeira fase da reapertura económica, aínda que non así a Gran Mazá, a cidade que máis vidas perdeu no medio da pandemia, con 26.641 mortes. Na súa actualización diaria, o gobernador Andrew Cuomo destacou que o estado volveu ao momento en que estaba "o 19 de marzo, antes de caer no abismo do virus da COVID-19", tras rexistrar 161 falecidos e 488 novos casos desde o domingo, co que "todas as frechas apuntan na dirección correcta" para o levantamento da súa orde executiva de "pausa" para o vindeiro venres.

Máscaras na Casa Branca, pero non para Trump

A propagación do coronavirus, que xa tocou as portas da Casa Branca con tres colaboradores contaxiados, levou a que se ordene aos empregados da ala oeste, onde se atopa, entre outros, o despacho oval, a usar máscara. Nun memorándum, alentouse ao persoal para cubrir o rosto "sempre que non sexa posible o distanciamento físico", unha medida divulgada despois de que se coñecese que un asistente persoal do presidente, a portavoz de prensa do vicepresidente Mike Pence e unha asesora de Ivanka Trump, filla do xefe de Estado, deran positivo en COVID-19. Ademais, tres expertos do equipo de resposta da Casa Branca, entre eles o principal epidemiólogo do Goberno dos EUA, o doutor Anthony Fauci, decidiron tomar medidas de distanciamento social. Trump e Pence negáronse a usar máscara en público.

Noticias web

11/05/2020