CRTVG

Buscar

Os EUA, O Reino Unido e O Canadá acusan a Rusia de intentar roubar datos dunha vacina da covid-19

Publicado o 16/07/2020 19:11
Os EUA, O Reino Unido e O Canadá acusan a Rusia de intentar roubar datos dunha vacina da covid-19

Os Estados Unidos, o Canadá e máis o Reino Unido denuncian que piratas informáticos rusos intentan roubar datos da vacina contra o coronavirus

Os tres países sinalan ademais que o grupo de hackers está apoiado polo Estado Ruso. Desde o Kremlin negan a súa participación no intento de roubo.

"Non dispoñemos de ningunha información sobre quen podería atacar a empresas farmacéuticas e centros de investigación no Reino Unido", sinalou o portavoz do Kremlin, Dmitri Peskov, segundo a axencia oficial TASS. "Podemos dicir só unha cousa: Rusia non ten nada que ver con estes intentos. Non aceptamos estas acusacións, como tampouco as acusacións sen fundamento sobre interferencias nas eleccións de 2019" no Reino Unido, agregou.

O Centro de Ciberseguridad Nacional do Reino Unido (NCSC) alertou este xoves de que presuntos piratas informáticos vinculados con axencias de intelixencia rusas teñen como obxectivo dos seus ataques a científicos británicos que traballan no desenvolvemento dunha posible vacina contra a COVID-19.

Nun comunicado conxunto coa axencia de seguridade nacional dos Estados Unidos e a autoridade canadense de ciberseguridade ( Canadian Communication Security Establishment), o NCSC indicou que os ataques contra científicos británicos forman parte dunha campaña global do grupo APT29, que busca usurpar os segredos da procura da vacina.

APT29, tamén coñecido como "The Dukes" ou "Cozy Bear", é un grupo de piratas informáticos que foi vinculado coa intelixencia rusa. O ministro británico de Exteriores, Dominic Raab, pediu o final destes ciberataques "irresponsables" por parte dos servizos de intelixencia rusos, "que estiveron recollendo información sobre desenvolvemento e investigación da vacina contra a COVID-19". "É completamente inaceptable que os servizos de intelixencia rusos teñan como obxectivo a aqueles que traballan para combater a pandemia de coronavirus", apuntou. 

Noticias web

16/07/2020