CRTVG

Buscar

Os EUA e A China asinan a paz comercial

Publicado o 15/01/2020 19:44
Os EUA e A China asinan a paz comercial

O presidente estadounidense, Donald Trump, selou hoxe co viceprimeiro ministro chinés, Liu Hei, nunha cerimonia na Casa Branca, a primeira fase do acordo comercial entre Washington e Pequín, que supón unha tregua tras 18 meses de tensións.

Trump cualificou o acordo de "paso transcendental" para un "futuro comercial xusto e recíproco" entre os EUA e A China. Liu leu unha carta do presidente Xi Jinping, que destacou que a firma "é boa para A China, para os EUA. e para o mundo", e expresou a súa confianza en que as relacións entre os dous países sexa "de mutua confianza e cooperación".

Aínda que nun principio Trump adiantara que Xi participaría na ratificación do acordo, Pequín finalmente envío a Liu á cerimonia na Casa Branca. Segundo o acordo, A China comprométese a comprar bens estadounidenses por valor duns 200.000 millóns de dólares en dous anos, entre eles 50.000 millóns en produtos agrícolas, 50.000 millóns en enerxía e 75.000 millóns en manufacturas, mentres os EUA rebaixa á metade, ata o 7,5%, os aranceis impostos a importacións chinesas por valor de 120.000 millóns de dólares.

Trump indicou que os aranceis se manteñen en vigor como elemento de negociación para a segunda fase do pacto comercial. O secretario do Tesouro, Steven Mnuchin, presente na cerimonia, sinalou que a nova fase de negociacións comerciais podería segmentarse en "fase 2 A, 2 B, 2 C", aínda sen data, e abordará as queixas dos EUA sobre roubo de propiedade intelectual.

As negociacións entre ambas partes sufriron varios sobresaltos, con informacións contraditorias e críticas veladas desde que en outubro anunciouse un principio de acordo. As tensións comerciais entre as dúas maiores economías mundiais, que comezaron o ano pasado, tiveron profundas consecuencias. Nas súas últimas previsións de crecemento mundial, publicadas en outubro, o Fondo Monetario Internacional (FMI) rebaixaba as súas proxeccións de expansión ao 3 % para 2019, dúas décimas menos que en xullo, lastradas polas dúbidas que xerou a liorta.