CRTVG

Buscar

Os estragos da neve persisten en Madrid en dous terzos das súas rúas unha semana despois

Publicado o 16/01/2021 21:07

O impacto da neve en Madrid persiste con cifras ben ilustrativas, malia o traballo cotián duns oito mil operarios. Eses números indican que 9.300 rúas aínda non son plenamente transitables, mentres que a neve foi retirada totalmente da calzada en 3.045. Nunha das vías, no distrito de Arganzuela, apareceu baixo a neve o cadáver dun home duns 60 anos, hipoteticamente unha persoa sen teito.

Nas rúas hai tamén 7.000 toneladas de lixo pendentes de recollida. E nos colexios trabállase sen pausa para retomar as clases o mércores.

Os Bombeiros de Madrid facían hoxe un mediático voo de recoñecemento con estes obxectivos: "Comprobar desde o aire a zona de Aranxuez, a zona metropolitana de Madrid, as infraestruturas básicas, os accesos aos hospitais, as estradas máis importantes e as secundarias".

As imaxes dan conta da situación este sábado. A extensión branca segue sendo moi significativa e todo indica que a solución de verdade, a máis eficaz, chegará coa choiva a mediados da semana vindeira.

Mentres, a presidenta da Comunidade, Isabel Díaz Ayuso, fala dun pedimento de zona catastrófica de amplo espectro, con 56 municipios implicados: "Hai 56 municipios que nolo solicitaron, 56 municipios de toda cor política, e cremos que estes danos poden ascender aínda a moito máis".

Por certo, este sábado durante a mañá foron cortados os accesos aos portos de Navacerrada e Cotos, na serra madrileña, polo colapso de vehículos en vías e aparcadoiros desde primera hora. Malia a pandemia, eran miles os que querían seguir gozando da neve.

Noticias web

16/01/2021