CRTVG

Buscar

Os enterros poderanse facer antes do prazo de 24 horas

Publicado o 23/03/2020 16:39

Axilízanse os enterros ante as mortes por coronavirus.Os soterramentos poderán facerse sen ter que agardar o prazo de 24 horas desde o falecemento da persoa, tal e como marca a lei. Esta orde do Ministerio de Sanidade é válida con independencia de que as causas da morte sexan ou non o COVID-19.

Chamada de atención por parte do persoal das funerarias. A lei marca para eles os mesmos equipos de protección que os sanitarios para manipular os cadáveres, pero o material escasea. 

José Manuel Rodríguez Castelao, responsable da Funeraria Apóstol: "Estamos gastando moito material ante o medo. Agora quédanos para tres días".

As funerarias están aplicando xa as medidas decretadas por Sanidade para evitar os contaxios. En Galicia están permitidos os velorios, pero limítanse a cinco persoas por sala. Tamén empezan a aplicar autorización do Goberno para que os soterramentos se produzan antes das 24 horas que marca a lei, unha medida excepcional que ten que decidir a familia. Ademais, os cadáveres deposítanse no féretro sen manipulación ningunha de tanatopraxia. 

José Manuel Rodríguez Castelao, responsable da Funeraria Apóstol: "Agradecémoslles ás familias esta comprensión. A nós gustaríanos despedilos doutro xeito, como se merecen. Por iso agradecemos que velen por nós as familias".

Son un servizo esencial para a sociedade que, nestas circunstancias, pide protección.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/03/2020