CRTVG

Buscar

Os dous detidos pola presunta violación desta fin de semana en Lugo comparecen nos xulgados

Publicado o 09/03/2020 21:23

O novo detido é un home duns 40 anos que compartía domicilio no barrio lugués da Fervedoira co home de mediana idade ao que xa prenderan o sábado en relación con estes feitos. As investigacións levadas a cabo polos axentes da Policía Nacional e os interrogatorios realizados propiciaron tamén a súa detención. Os dous homes e mais a vítima regresaron xuntos á casa, pero varias chamadas contraditorias, tanto á policía como ao 112, alertaron aos axentes, que se desprazaron ata o lugar. Agora os dous homes pasaron a disposición xudicial, e a investigación está baixo segredo de sumario.

Contra as sete da tarde pasaban a disposición xudicial os dous homes detidos en Lugo en relación cunha suposta violación acontecida na fin de semana. A Policía Nacional detivera o sábado á mañá o principal sospeitoso, pero as investigación levaron á detención dun segundo home. Ambos son veciños de Lugo, de 40 e 50 anos, compartían domicilio e non teñen antecedentes.

A presunta agresión sexual tivo lugar nunha vivenda do barrio lugués da Fervedoira, e as detencións e as posteriores investigacións desencadeáronse a raíz de dúas chamadas. Unha do primeiro detido e outra da vítima.

O caso está baixo segredo de sumario.

Noticias web

09/03/2020