CRTVG

Buscar

Os dous bebés panda nacidos no zoo de Berlín, cara a cara por primeira vez

Publicado o 01/11/2019 20:07

Naceron a finais de agosto, pero acaban de coñecerse. Son os primeiros dous osos pandas nacidos en catividade en Alemaña, máis concretamente no zoo de Berlín. 

Que viñeran ao mundo non foi nada fácil. A reprodución desta especie é das máis complicadas. Cando viñeron ao mundo só pesaban 186 e 136 gramos. Agora andan arredor dos tres quilos.

Ata hai ben pouco estiveron nunha incubadora e mantiñan os ollos pechados. Agora fan quendas para poder estar coa súa nai. As osas pandas seica só teñen "enerxía" para poder criar un cachorro á vez. Os machos nin sequera se involucran no coidado dos pequenos.

A nai, chamada Meng Meng, e o pai, Jiao Qing, chegaron ao zoo de Berlín en xuño de 2017, tras unha visita do presidente chinés a Alemaña.

En realidade, é o goberno chinés o propietario dos animais, que están "cedidos" aos zoolóxicos. O de Berlín chegou a gastar 9 millóns de euros en acondicionar o habitáculo para os osos. Ademais, debe pagar un millón de dólares ao ano a un proxecto chinés de conservación destes animais, como parte do acordo co goberno de Pequín.

O último reconto mundial di que só hai 1.864 osos panda adultos no seu hábitat natural.