CRTVG

Buscar

Os principais políticos expresaron os seus desexos para 2019 nas redes sociais

Publicado o 01/01/2019 19:50

Os principais líderes políticos optaron por Twitter para felicitar o ano e manifestar os seus desexos para 2019. O presidente do Goberno e o do Partido Popular coincidiron nos seus anhelos de concordia entre os españois. Pablo Iglesias aspira a unha república que non exclúa a ninguén e Albert Rivera a pasar páxina do sanchismo.

O presidente do Goberno felicita o novo ano cunha mensaxe en que asegura que 2018 demostrou que é posible unha España mellor. Sánchez di que arranca un ano cheo de oportunidades para seguir avanzando en igualdade, concordia, rexeneración e xustiza social.

Tamén desexa concordia entre os españois para 2019 o presidente do Partido Popular. Pablo Casado comparte un video do seu partido en que o PP asegura que volveu e está preparado para gañar. Recolle un discurso do propio Casado en que afirma que o lograrán xuntos e por España.

Pablo Iglesias lanzou varias mensaxes de bos desexos para este ano. Nun deles di que aspira a un novo proxecto de país que ilusione, unha nova república que non exclúa nin deixe ninguén atrás.

E Albert Rivera móstrase convencido de que en 2019 España pasará páxina do sanchismo e abrirá unha nova etapa con máis igualdade, máis liberdade e máis unión.

Noticias web

01/01/2019