CRTVG

Buscar

Os contaxios nos colexios galegos chegan ao seu máximo dende o inicio de curso, con 1.331 casos

Publicado o 13/01/2021 18:48
Os contaxios nos colexios galegos chegan ao seu máximo dende o inicio de curso, con 1.331 casos

Os casos de covid-19 nos centros educativos galegos seguen en aumento. As escolas do territorio alcanzan este mércores o seu máximo de positivos desde o inicio de curso e superan o pico rexistrado no mes de novembro, con 1.331 positivos.

Desde o regreso ás clases do pasado venres, o balance de contaxios detectados nos centros galegos increméntase cada xornada e este mércores a Xunta confirma un aumento de 105 no total de positivos respecto das cifras do día anterior.

A pesar diso, o reconto de contaxios non inclúe ningún centro ou escola infantil pechado por decreto das autoridades sanitarias, aínda que si informa de que a pandemia obrigou a clausurar polo menos 22 aulas nestas instalacións. As cifras de incidencia increméntanse en todas as zonas da comunidade galega.

Os centros da área sanitaria da Coruña son os máis afectados por total de contaxios, con 342 positivos e polo menos seis unidades pechadas, seguida de Vigo e Santiago, que contan con algo máis de 250 casos detectados nestes inmobles. Precisamente, a área de influencia coruñesa conta con case 40 positivos máis ca o día anterior.