CRTVG

Buscar

Os concellos regulan a ocupación nos cemiterios en Defuntos con visitas breves

Publicado o 22/10/2020 15:13

Os rituais de Defuntos este ano estarán marcados polas restricións que impón a pandemia. Xa se van coñecendo os protocolos. As normas correspóndelles marcalas aos concellos e todos se están apurando a publicalas para que a xente saiba que o día un vai haber controis de acceso aos camposantos.

Cada municipio marcará os límites de ocupación permitidos e tamén o máximo de persoas por grupo ou o tempo que pode durar a visita. En Lugo, por exemplo, só poderán entrar como moito de tres en tres. En Vigo e Santiago poderán ir ata cinco sempre que sexan persoas que vivan xuntas. Todos piden que non se permaneza máis de media hora. Os que mellor o entenden son os que xa de sempre tiñan por costume vir días antes da data oficial para evitar aglomeracións. 

Lucita é visitante habitual dos cemiterios, pero ten por costume evitar as aglomeracións habituais dos días de Defuntos, "Eu ese día non veño nunca", di. É algo que este ano se está convertendo en norma. "Este ano é moi complicado vir o mesmo día", di outra das visitantes previsoras no cemiterio de Boisaca.

En principio, os cemiterios públicos van estar abertos, pero todos os concellos están fixando normas para evitar as aglomeracións. Establecen controis de ocupación, limitan o permiso de acceso a pequenos grupos de 3 ou 5 persoas conviventes e marcan pautas de circulación dentro dos recintos.

O sector da florería tamén pide que o ritual se faga dunha maneira segura, graduando as visitas e apoiando o comercio local.

O costume de ir aos cemiterios por Defuntos está moi arraigado na nosa comunidade, pero os cidadáns entenden ben que este ano teña que ser distinto. 

"Temos que ser todos responsables", "Aos mortos non lles pasa nada , nós temos que intentar non poñer en perigo a ninguén nin a nós mesmos, por suposto".

 

Noticias web

22/10/2020