Os comerciantes de Cangas seguen denunciando constantes roubos nos seus establecementos
Nin as cámaras de seguridade, nin os carteis informativos, nin a presenza policial frean a onda de roubos en Cangas. Os ladróns actúan de madrugada e cébanse sobre todo cos establecementos comerciais. Nos últimos días tocoulles a varios locais desta rúa de San José.
Os ladróns rompen pechaduras, portas e levan consigo a caixa rexistradora, provocando importantes danos. Moitos comerciantes optaron por non saír en cámara porque aseguran que os autores dos roubos son veciños da zona e temen posibles represalias. Tamén os veciños e veciñas están fartos desta problemática.
Con todo, asociacións e federacións de comerciantes da zona convocaron unha manifestación para o vindeiro día 16. Deste xeito queren visibilizar un problema que levan padecendo xa hai moitos meses e piden unha solución á inseguridade que arestora están vivindo.
A manifestación sairá ás nove da mañá da praza da Constitución e finalizará na casa do concello. Animan a todos os veciños e veciñas de Cangas a que se sumen ás súas reivindicacións.