CRTVG

Buscar

Os comedores sociais reparten comida entre os seus usuarios

Publicado o 17/03/2020 14:05

Por quendas e en horario de 11 a 14 da tarde atenden neste comedor social de Lugo os seus usuarios. As cadeiras e as mesas que ata hai uns dias ocupaban un cento de persoas á hora do xantar agora están baleiras, pero os fogóns non paran.

Cada día chegan a estas instalacións unhas 70 persoas cos seus tuppers para recoller a comida que antes se lles ofrecía in situ. Son persoas sen fogar e familias con poucos recursos económicos, polo tanto, un dos grupos máis vulnerables na situación actual.

Así o explica, Miguel Gómez, coordinador dun comedor social en Lugo: "Primeiro que a xente non quedase sen o servizo da comida, despois garantir tamén que non houbese un contaxio e por iso nos pareceun mellor, en vez de dar as comidas aquí no comedor, que a xente as viñera buscar gardando as medidas de seguridade que marcan as autoridades sanitarias".

As relixiosas enchen as bolsas coas viandas necesarias para a comida e a cea. As entregas fanse a través dun mostrador. 

"Algunha xente viña sen recipiente para levar a comida, entón nos ofrecemos os que tiñamos aquí, pero dende a asociación ás persoas máis vulnerables e particulares ofrecéronnos recipientes de usar e tirar", engadiu Miguel Gómez.

Noutras entidades como Cáritas adiantáronlles aos usuarios as provisións dun mes, e manteñen as súas sedes abertas para os casos urxentes. O Concello vai habilitar este pavillón para se fose necesario acoller aquí persoas sen fogar para que poidan realizar a corentena sen saír á rúa.

Noticias web

17/03/2020