CRTVG

Buscar

Ouro ou bixutería. Na polémica, as xoias de Tous

Publicado o 23/01/2020 15:16

Continúa a polémica polas xoias de Tous. A empresa foi denunciada por un suposto delito de fraude e publicidade enganosa. Publicitaban as xoias como se fosen integramente de ouro e prata, cando en realidade levaban, ademais, un recheo plástico.

A Lei dos Metais, pola que se rexen todos os traballos feitos en ouro e prata, contén no seu regulamento un artigo, o 55, que permite o uso de materiais non metálicos, coma o plástico, para darlles estabilidade ás xoiais. Esta técnica, obxecto da polémica, chámase electroforming.

"Historicamente as pezas de electroforming fanse en cera, recóbrense de ouro ou prata e despois, por un burato que se lle deixa ao deseño, derréteselle a cera para que a peza quede oca e realmente o que esteas comprando é realmente o que hai. Parece ser que neste caso se fixo este proceso de electroforming deixando unha lámina de plástico o que permite que a capa de ouro ou prata sexa máis fina, porque ten un soporte, e a aparencia de peso é maior que o que realmente estás comprando", comenta Luís González, vicepresidente do Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia.

Estas pezas poden considerarse xoias ou realmente son bixutería? 

"Eu facilmente podería considerala unha bixutería feita en ouro pero a liña é moi fina, porque non estamos a falar que sexan de ouro ou non, estamos a falar de que parece que é máis cantidade de ouro ou máis cantidade de prata do que en realidade son", afirma Luís González, vicepresidente do Colexio Oficial de Xoiaría de Galicia.

Que os consumidores saiban realmente o que están comprando é unha das batallas contras as que loitan os colexios oficiais de xoiaría.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/01/2020