CRTVG

Buscar

Os cines das vilas sobreviven grazas á programación familiar

Publicado o 19/01/2020 09:40

As cifras apuntan a que o cine en España resiste nos últimos anos mantendo espectadores e recadación. Porén, o número de salas de cine segue caendo ano tras ano. Nas vilas a situación é máis complicada que nas cidades e poucos son os empresarios que se atreven co reto de atraer xente a grande pantalla.

Segundo María Alonso Rivero, do Cine Gesma en Xinzo de Limia "o cine é moi bonito para ir ver unha película, pero non para negocio", mentras que o seu colega de profesión Luís Rivadulla, propietaro de Minicines Central na Estrada asegura que "hai tamén un factor económico. Ir ao cine, sobre todo nas cidades, é unha cousa cara. Na Estrada unha parella pode vir ao cine por dez euros, co cal o gasto económico, aínda que existe, non é algo fóra do normal".

En Xinzo de Limia e na Estrada, por exemplo, os responsables dos cines actúan case como un servizo máis para os veciños. Uns apostan pola sala única, coa película do momento, o outro, a multisala con estreas pero tamén cine menos comercial.
"As que máis aguantan son de tipo infantil e familiares, os nenos adoitan vir máis a miùdo. Alí teñen a posibilidade, ao ser un cine de vila, de deixarmos solos ", asegúranos María Alonso.


Os videclubs primeiro, a televisión á carta despois e agora os contidos de plataformas por Internet non llelo poñen doado a estes empresarios, que afrontan cambios continuos.

"Tes que tratar de ter unhas instalacións limpas, -apunta Luís Rivadulla- mellorar as butacas, mellorar o servizo. Non ten que ver que sexas un cine pequeno para dar un servizo igual, de dar unha coca-cola con xeo, ou estar nunha butaca supercómoda exactamente igual que nun cine grande. Diso se trata".

Os teléfonos móbiles e os ordenadores gañaron terreo como soportes para ver unha película pola súa comodidade, pero as salas de cine seguen a ser, esperemos que por moito tempo, os verdadeiros paraísos dos amantes do cine.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/01/2020