CRTVG

Buscar

Os científicos confirman a presenza de auga na Lúa

Publicado o 26/10/2020 17:15
Os científicos confirman a presenza de auga na Lúa

A Lúa contén auga xeada, segundo novos datos inequívocos de detección, e na súa superficie hai numerosos cráteres, mesmo moi pequenos, aos que nunca chega a luz solar, onde esta podería estar atrapada de forma estable, o que pode ter implicacións para futuras misións humanas.

Nature Astronomy publica hoxe dous estudos asinados por científicos estadounidenses, un dos cales sinala a inequívoca detección de auga molecular (H2O) na lúa e o outro suxire que aproximadamente 40.000 metros cadrados da súa superficie, dos que un 40 % están no sur, ten a capacidade de reter auga nas chamadas trampas frías.

Hai dous anos xa se detectaron signos de hidratación na superficie lunar, particularmente arredor do polo sur, que posiblemente correspondían á presenza de auga, pero o método empregado non podía diferenciar se se trataba de auga molecular (H2O) ou de hidroxiles (radicais chamados OH).

Nesta nova publicación, un equipo dirixido por Casey Honniball da Universidade de Hawai, usou datos do Observatorio Estratosférico de Astronomía Infravermella (SOFIA) da Nasa, un avión  Boeing 747 SP modificado para transportar un telescopio reflector.

Os datos foron tomados do cráter Clavius, preto do polo sur, que foi observado por SOFIA nunha lonxitude de onda de seis micras, á que a auga molecular produce unha firma espectral única.

As observacións previas, a unha lonxitude de tres micras, sinalaban indicios de auga, que "aínda deixaban aberta unha explicación alternativa", pero os novos datos "non teñen outra explicación que a presenza de auga molecular", di a Ignasi Ribas, astrofísico do Instituto de Estudos Espaciais de Cataluña (IEEC) e do Instituto de Ciencias do Espazo do CSIC.

A auga, atrapada dentro de grans de po ou de cristais, cando é excitada pola luz do Sol vibra e vólvea a emitir a unha lonxitude de onda de seis micras.

"Na práctica, é coma se esas zonas da Lúa brillasen máis que o que deberían a esa lonxitude de onda", agrega Ribas comentando o artigo do que non é asinante.

Os investigadores estiman que a abundancia nas altas latitudes meridionais é de 100 a 400 gramos de H2O por tonelada de regolito (o material do que está formado a superficie lunar) e a distribución da auga nese pequeno rango de latitude é resultado da xeoloxía local e "probablemente non un fenómeno global".

Esa cantidade de auga é moito menor que na Terra, "pero é máis que cero", indica Ribas, quen lembra que as condicións na lúa son extremas polo que é difícil retela pois evapórase e escapa.

O segundo estudo, encabezado por Paul Hayne da Universidade de Colorado Boulder, examinou a distribución na superficie lunar de zonas nun estado de escuridade eterna, nas que o xeo podería ser capturado e permanecer estable.

"Nas trampas frías as temperaturas son tan baixas que o xeo se comportaría como unha roca", se a auga entra aí "non irá a ningunha parte durante mil millóns de anos", sinala o científico citado pola universidade.

Aínda que non se pode probar que estas trampas frías realmente conteñan reservas de xeo -"a única forma de facelo sería ir alí en persoa ou con rovers e cavar", di Hayne- os resultados "son prometedores" e futuras misións poderían arroxar aínda máis luz sobre os recursos hídricos da Lúa.

O estudo fíxose con datos do Orbitador de Recoñecemento Lunar da NASA para avaliar unha gama de posibles tamaños de trampas frías, as cales poderían ser moito máis comúns na superficie da Lúa do suxerido en investigacións anteriores.

O equipo usou tamén ferramentas matemáticas para recrear como podería ser a superficie lunar a moi pequena escala e a resposta é que sería "un pouco como unha pelota de golf", repleta de pequenos foxos.

O estudo indica que as microtrampas frías, en ocasións dun tamaño non superior a un céntimo de euro, son centos ou miles de veces máis numerosas que as de maior tamaño, que poden ter varios quilómetros, e pódense atopar en ambos os polos.

Os autores suxiren que aproximadamente 40.000 metros cadrados da superficie lunar ten a capacidade de atrapar auga, cuxa presenza pode ter implicacións para futuras misións lunares que teñan como obxectivo o acceso a estes potenciais depósitos de xeo.

"Se estamos no certo -considerou Hayne-, a auga vai ser máis accesible", tendo en mente, nun futuro, o posible establecemento de bases lunares.

A existencia na lúa de auga que potencialmente se poida usar é unha perspectiva "moi interesante" e "emocionante", destaca Ribas, aínda que o tempo dirá se se pode utilizar para axudar a futuras bases lunares.