CRTVG

Buscar

Os centros de ensino conmemoran o Día da Nena na Ciencia para combater a fenda de xénero

Publicado o 11/02/2020 14:28

Reivindicar o papel das mulleres na ciencia e na investigación e emilinar a fenda de xénero que persiste nas carreiras tecnolóxicas. Son os obxectivos do Día da Muller e da Nena na Ciencia, que hoxe se conmemora en escolas, institutos e universidades de toda Galicia.

Dúas estudantes, Noa e Tais, gañaron o premio Stephen Hawking de investigación do Instituto Rosalía de Castro por un traballo sobre a mina de Touro, polo que hoxe reciben a felicitación da conselleira de Educación. Da experiencia destacan a visión crítica que lles achega o método científico. 

"Non é o método habitual de aprender, no que nos din que unha cousa é así e entón estudámola e plasmámola nos exames, senón que fomos nós a comprobalo por nós mesmas", explica Noa Mesejo, unha das alumnas premiadas.

E comprobaron que a presenza de ferro na auga afecta plantas e animais. "Concluímos coas nosas mostras que volver reabrir a mina non era viable porque seguiría a estragar a contorna", engade Tais Senín, que forma parte do mesmo grupo de investigación. Coas súas profesoras comentan que persisten dificultades para as mulleres de ciencia. Unha delas, a falta de referentes: "Porque hai moitas científicas, pero a maioría dos que estudamos en clase son homes", lamenta Noa.

Moitas científicas que hoxe puideron coñecer da man dunha enxeñeira, investigadora e antiga alumna. Os datos din tamén que as mulleres se apean da carrera investigadora cada vez máis tarde, pero que pesan aínda as esixencias dos roles de xénero tradicionais.

"Polo tanto, estímulo, incentivo e reforzo para as máis novas, para que sigan nesas carreiras e non decaian no intento", afirmou a Conselleira de Educación. Carme Pomar salientou o papel determinante das administracións para lograr rematar coa fenda de xénero.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/02/2020