CRTVG

Buscar

Os casos globais de covid-19 aproxímanse aos 21 millóns con 760.000 mortes

Publicado o 15/08/2020 17:01
Os casos globais de covid-19 aproxímanse aos 21 millóns con 760.000 mortes

A pandemia de coronavirus non deixa de estenderse polo mundo. A OMS confirma a cifra de 20,9 millóns de infectados por covid-19 en todo o planeta, mentres que os falecidos son 760.774 persoas. Só nas úlitmas 24 horas rexistráronse no mundo 286.000 novos casos, cifra que se aproxima ao máximo do 1 de agosto con 297.000. Preocupan os novos falecidos, que poderían superar este sábado a barreira dos 10.000.

América, a rexión máis afectada suma 11,6 millóns de contaxios, por 3,7 millóns en Europa e 2,9 millóns no sur de Asia. O continente americano concentra tamén a metade dos falecementos con máis de 400.000 e en segundo lugar está Europa. Só África rexistra na súa curva de contaxios diario certa tendencia á baixa.

Os Estados Unidos mantéñense como o país con máis infecións con 5,2 millóns, seguido do Brasil con 3,2 millóns e a India con 2,5 millóns. España con 337.000 contaxios está fóra dos dez países con máis casos pero cunha curva en rápido ascenso podería entrar nese grupo outra vez. Os pacientes recuperados no mundo son máis de 14,1 millóns, case dous terzos do total.