Os casos activos soben tras unha repunta de contaxios, sobre todo na área de Vigo
• Das 521 PCR positivas notificadas, o 47,22% son da área viguesa
• Baixa a cifra de ingresados en planta (-22), pero as UCI rozan os 100
• Galicia xa suma máis de 50.000 infectados e preto de 1.200 mortos
Os casos activos volven subir e interrompen unha serie de cinco días consecutivos en decrecemento.
No total da pandemia, Galicia xa suma máis de 50.000 infectados e preto de 1.200 falecidos pola covid.
Segundo os datos publicados polo Sergas esta mañá, consolidados a día de onte ás 18:00, hai 8.638 persoas contaxiadas (+21).
O número de contaxios aumentou ata os 521, case 200 máis ca onte.
ÚLTIMA HORA | Os casos activos aumentan (+21) tras unha repunta de contaxios (+521), coa área de Vigo á cabeza (+246). Contámosche máis aquí https://t.co/EV7jf7oqlO pic.twitter.com/fDS1L4Lz2Q
— G24 (@G24Noticias) November 25, 2020
Por áreas sanitarias a repartición é:
• Vigo: 2.293 (+84)
• A Coruña: 1.776 (+7)
• Pontevedra: 1.218 (-17)
• Lugo: 1.102 (-6)
• Santiago: 962 (-20)
• Ourense: 608 (-19)
• Ferrol: 689 (-8)
Suba das PCR e da positividade
No que respecta ás probas PCR, aumentaron respecto a onte. O Sergas comunica 6.731 probas realizadas, o que son 2.263 máis ca onte, pero 605 menos ca a semana pasada. Vai na liña da media desta última semana (6.580).
No que respecta a positividade, a suba de contaxios, con especial incidencia na área de Vigo, que representa o 47,22% dos positivos totais no país, sitúase no 7,74%, 0.42 puntos por riba da de onte e 0.12 superior á media dos últimos sete días (7,62%).
As UCI seguen preto dos 100
Galicia leva dende o 9 de novembro con máis de 90 persoas ingresadas nas UCI e, dende o día 13, achegándose ou superando a cifra das 100. Hoxe houbo un novo ingreso nas unidades de coidados intensivos, polo que agora hai 97 persoas ingresadas, segundo os datos do Sergas.
Mellores noticias no que respecta aos ingresos en planta: hai 22 persoas menos hospitalizadas, o que deixa polo de agora 434 enfermos en planta.
Os falecementos ascenden ata os 1.170, logo de que o Sergas notificase onte nove falecementos.
Mapa de incidencia acumulada
Polo de agora hai 103 concellos no nivel máis elevado en canto a situación epidemiolóxica. Podes consultar no seguinte mapa interactivo os casos, a incidencia acumulada por intervalo segundo a Xunta e a incidencia acumulada exacta do teu concello.
Lembramos que os datos de incidencia nos concellos de pouco censo están distorsionados, dada a pouca poboación, polo que requiren unha lectura cautelosa.