CRTVG

Buscar

Os británicos deciden hoxe nas urnas o futuro político e económico do seu país

Publicado o 12/12/2019 15:36

Históricas, decisivas e cruciais, os medios non esgotan os adxectivos para referirse ás eleccións lexislativas de hoxe, as terceiras en cinco anos. E s primeiras que se celebran en decembro no último século. 46 millóns de británicos están convocados para elixir o novo parlamento, 650 deputados que decidirán o futuro económico e político do país.

O actual primeiro ministro, o conservador Boris Johnson, que esta mañá votaba en Westminster na compaña do seu can, confía en lograr a maioría absoluta que lle permita concretar o seu plan para o 'brexit' na data prevista, o 31 de xaneiro. As enquisas coinciden en sinalalo como gañador, pero nas últimas horas recortan a vantaxe tory a nove puntos. Unha caída de popularidade atribuíble en parte ao outro grande asunto desta campaña: as carencias do sistema nacional de saúde. Johnson negouse a mirar a foto dun neno enfermo que durmía no chan dun hospital. Un erro que intentou compensar coa promesa de investir 34 millóns de libras no servizo sanitario británico.

As propostas do seu rival, o laborista Jeremy Corbyn, que votaba ao norte de Londres, céntranse na nacionalización de servizos, máis impostos para ricos e empresas, e un segundo referendo do 'brexit'. Para Corbyn será decisivo manter o apoio das rexións historicamente laboristas, unha muralla vermella que podería caer polos apoios ao 'brexit'. A permanencia en Europa é a única esperanza para os liberaldemócratas, que perden peso. Con todo, poden ser decisivos, ao igual que os separatistas escoceses, se os comicios deixan un parlamento fragmentado. Os resultados definitivos das urnas, que pechan ás dez da noite, coñeceranse a primeira hora de mañá.

Noticias web

12/12/2019