Os alimentos artesáns galegos levarán un selo que os distinga no mercado
Feitos con materias primas de calidade, coa boa man do elaborador, e cunha presentación coidada. Son os requisitos dos produtos que vai certificar o selo de Artesanía Alimentaria de Galicia.
Segundo José Luis Cabarcos, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, o selo vai demostrar "unha calidade en canto ás materias primas, en canto ao proceso de elaboración, e tamén ten en conta a etiquetaxe e o envasado".
Xa están listas as normas que terán que cumprir os que queiran usar este novo selo en 16 grupos de produto, e van seguir sumando. Interese hai, tamén porque son produtos que encaixan á perfección nas tendencias actuais do mercado.
"A xente está cada vez máis concienciada co produto de proximidade e de tradición, así que todo fai pensar que vai ser un selo moi aproveitable tanto para o mercado galego como para o de fóra", asegura Cabarcos.
E sempre que hai demanda no mercado tira da produción, así que a arela é que nazan novas oportunidades de negocio á calor deste selo.
"Hai casos de éxito que un produto culinario ou de artesanía é un gran xerador de emprego e de riqueza", di o director da Agacal.
A previsión é que os elaboradores poidan inscribirse dende xaneiro, e estrear o selo en 2021.