CRTVG

Buscar

A investigación do brote de Ribeira analizou máis de 100 persoas; 9 deron positivo e están en illamento domiciliario

Publicado o 23/06/2020 20:59

• 9 casos confirmados, 94 probas PCR con resultado negativo e á espera de coñecer o resultado de 1 proba PCR

• Os confirmados están en illamento domiciliario e o resto en corentena

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez, e o xerente do Sergas, Antonio Fernández Campa, compareceron en conferencia de prensa para informar sobre os asuntos abordados na reunión da comisión xestora da crise sanitaria. 

Almuíña referiuse aos episodios de brotes e dixo que "temos que estar preparados, porque van continuar aparecendo ata que teñamos a vacina ou haxa unha inmunización natural dunha parte importante da poboación, que non é o caso neste momento".

Indicaron que seguen a traballar co grupo de expertos e referiuse tamén ao teléfono habilitado para que todas as persoas que non sexan residentes en Galicia en caso de que teñan síntomas o notifiquen. O conselleiro de Sanidade subliñou a importancia de medidas a como máscara, que "vén para quedar", a hixiene de mans e evitar as grandes aglomeracións.

"Estamos encantados de que veña xente a Galicia, pero queremos que entren en contacto co sistema sanitario galego ante o mínimo síntoma", dixo Almuíña, referíndose á chegada de visitantes. Así mesmo, anunciou que se fará un seguimento especial aos visitantes de Galicia que veñan de zonas de alto risco.

O Servizo Galego de Saúde investigou 104 persoas relacionadas co brote detectado a pasada fin de semana na Barbanza e que se mantén con 9 positivos. Así o explicou este martes o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa.

"Temos 104 casos en total investigados, deles 9 son os casos confirmados, 94 son casos en que se fixeron probas PCR todas elas con resultado negativo e nestes momentos queda só unha proba PCR por coñecer o resultado", dixo o xerente do Sergas. "Os 9 casos están en situación de illamento domiciliario" e os 95 restantes "en corentena 14 días", engadiu. 

Ante a pregunta de se se dá por controlado o brote, Fernández-Campa dixo que deben seguir "en alerta", despois de investigar "un volume moi importante de contactos" e dunha "forma rápida". Tamén incidiu en que o Sergas controla "día a día" a situación das persoas que deron negativo na probas PCR e a dos pacientes aos que se lle detectou a Covid-19. 

Deste xeito, dende que se detectou o primeiro positivo do brote, a plataforma de vixilancia activou o protocolo de seguimento, ao amparo do que se lles practicaron probas PCR a todos os contactos estreitos do mesmo, detectándose 8 casos positivos en Ribeira e 1 na Pobra

Os 9 casos positivos pertencen ao círculo familiar e de amigos da familia en que se rexistrou o primeiro caso, segundo a información facilitada polo Sergas, e presentan "sintomatoloxía leve". Non precisaron de hospitalización, e teñen que permanecer en corentena durante 14 días.