CRTVG

Buscar

Os grupos da oposición fan unha proposta conxunta de funcionamento do Parlamento

Publicado o 27/04/2020 12:09

As catro formacións de oposición -PSdeG, Galicia en Común-Anova-Mareas, BNG e o grupo mixto- presentaron este luns unha proposta conxunta de funcionamento do Parlamento de Galicia a través da deputación permanente. A proposta distingue dúas etapas: unha primeira ata o final da urxencia pola pandemia de coronavirus e a outra ata a celebración de eleccións autonómicas.

A oposición presentou esta proposta despois de coñecer a pasada semana o informe xurídico dos letrados do Parlamento de Galicia que permite á deputación permanente, o órgano que se quedou de garda trala disolución da Cámara o pasado 11 de febreiro, controlar a acción do Goberno galego.

No seu informe xuridico, os letrados avogaban por unha proposta conxunta de todos os grupos parlamentarios, incluído o PPdeG, que é o grupo gobernante maioritario na Cámara saínte, pero finalmente non foi posible.

A proposta realizada hoxe pola oposición refírese, na primeira etapa, especificamente ao seu funcionamento "durante a situación de estado de alarma e urxencia sanitaria" e reclama que a deputación permanente se reúna semanalmente e que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e polo menos un conselleiro comparezan.

As forzas da oposición tamén piden que cada grupo parlamentario "poida presentar unha proposición non de lei".

A segunda etapa, segundo a proposta dos grupos da oposición, prolongaríase desde o final do estado de alarma ata a celebración de eleccións e unha vez determinada a duración deste período, "estableceríase o número de iniciativas totais, mantendo os criterios de proporcionalidade no repartimento de iniciativas que se viña utilizando para cada período de sesións".

De acordo coa proposta, a deputación permanente mantería unha reunión semanal, aínda que as comparecencias do presidente serían cada dúas semanas e, as semanas en que non houbese comparecencia, a orde do día incluiría preguntas ao presidente da Xunta "seguindo o esquema establecido para os plenos".

A proposta prevé que "en cada sesión haberá tres interpelacións, que darán lugar ás mocións correspondentes na seguinte reunión, cada grupo parlamentario poderá presentar unha proposición non de lei e haberá nove preguntas ao Goberno distribuídas entre os grupos de acordo cos criterios establecidos para os períodos ordinarios".