CRTVG

Buscar

Tres detidos nunha operación antidroga na Travesía de Vigo

Publicado o 10/12/2020 15:11

A Policía deteu tres homes no marco dunha operación antidroga en Vigo. Comezaron ás oito e media da mañá acompañados de funcionarios xudiciais co prolixo rexistro de varias vivendas do inmoble da travesía de Vigo onde supostamente operaban os detidos.

Detiveron alí a un e, poucos minutos despois, doutro portal do mesmo edificio, saían outros dous homes detidos. Os tres son vellos coñecidos dos veciños da zona que levan moitos anos denunciando a compravenda de droga dentro do edificio e nas súas inmediacións.

Antes do seu traslado a dependencias policiais, dous dos detidos acompañaron os axentes nainspección dun rocho situado nos baixos do inmoble. Durante os rexistros, os axentes incautáronse de diferentes pertenzas nas vivendas, entre elas, unha catana.

Polo de agora non transcenderon máis datos oficiais sobre unha operación que causou grande expectación na zona, onde houbo máis de dez furgóns da Policía Nacional despregados e decenas de axentes.

 

 

 

Noticias web

10/12/2020