CRTVG

Buscar

Once persoas faleceron este mércores en Galicia por causa da covid-19

Publicado o 21/10/2020 19:38
Once persoas faleceron este mércores en Galicia por causa da covid-19

Once persoas que foran diagnosticadas por coronavirus morreron este mércores en Galicia, segundo informa o Sergas.

Os falecidos son unha muller de 87 anos que estaba ingresada no Complexo Hospitalario da Coruña, unha muller de 85 anos que estaba ingresada no Hospital de Ferrol, unha muller de 88 anos que estaba ingresada no Clínico de Santiago e no Hospital de Verín unha muller de 77 anos e un home de 94.

Seis dos falecidos eran internos da residencia Os Gozos do Pereiro de Aguiar

No Complexo Hospitalario de Ourense morreron tres mulleres de 99, 90 e 82 anos, que procedían da residencia Os gozos do Pereiro de Aguiar. Nesa mesma residencia morreron este mércores dúas mulleres de 92 e 87 anos e un home de 89 anos.

Desde que se declarou un gromo neste centro da terceira idade, máis de 30 residentes faleceron por causa da covid-19.

Once falecidos este mércores é a cifra máis alta de mortos nunha soa xornada desta segunda vaga, que iguala a dos once que tamén faleceron o 13 de outubro. En total desde que se declarou a pandemia, 847 persoas faleceron en Galicia por causa da covid-19, 228 nesta segunda vaga.