CRTVG

Buscar

Once dos trece falecidos nunha discoteca de Lima tiñan a covid-19

Publicado o 24/08/2020 13:54

A pandemia segue estendéndose no mundo e as cifras máis recentes confirman máis de 23 millóns de contaxios. A nova positiva ofrecíaa hoxe a Universidade Johns Hopkins: 15 millóns de persoas en todo o mundo conseguiron xa superar a covid-19.

Nas últimas horas a atención centrouse no Perú. Alí o presidente anuncia sancións exemplares para os organizadores dunha festa que violou o toque de queda imposto para frear a pandemia e que rematou coa morte de 13 persoas.

A fiscalía do Perú confirmouno: 11 dos 13 falecidos durante o desaloxamento dunha sala de festas de Lima tiñan covid-19.

A policía tivo que intervir para pechar unha discoteca que violaba o toque de queda imposto polas autoridades para frear a pandemia e os asistentes ao verse sorprendidos polas axentes tentaron escapar pola única porta de ingreso ao local, quedando atrapados.

Ao final 13 mortos por asfixia e esmagamento e moita preocupación porque estes feitos se repitan. Neste momentos o Perú é o sexto país do mundo con máis casos confirmados de coronavirus, seiscentos mil. O presidente do país Martín Vizcarra anunciou novas sancións.

Nos Estados Unidos, o país con máis contaxios e máis falecidos, o presidente Donald Trump anunciou a autorización do uso de transfusións de plasma para tratar os pacientes da covid-19.

O plasma obtense das persoas que xa superaron o coronavirus. A Administración para a Alimentacion e os Medicamentos asegura que existen probas de que o plasma sanguíneo pode diminuír a mortaldade e mellorar a saúde dos pacientes.

En Italia comezaron a probar a súa vacina. Esta mañá inocularon a dose ao primeiro voluntario, que será monitorado durante 12 semanas. Se todo vai ben, a vacina, producida e patentada pola empresa biotecnolóxica italiana Reithera, podería estar lista para o seu uso masivo a próxima primavera.

Noticias web

24/08/2020