CRTVG

Buscar

OMS: "O virus aproveita que o mundo estea cansado da pandemia"

Publicado o 19/10/2020 18:10
OMS: "O virus aproveita que o mundo estea cansado da pandemia"

O director xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS), Tedros Adhanom Ghebreyesus, admitiu hoxe que o mundo mostra síntomas de fatiga na loita contra a pandemia de covid-19, pero advertiu de que é durante este cansazo cando o coronavirus aproveita para expandirse.

"Hai certo cansazo, pero non podemos abandonar, porque é entón cando o coronavirus pode contaxiarse a gran velocidade", subliñou o máximo responsable da OMS nunha conferencia de prensa onde volveu manifestar a súa preocupación polo aumento de casos en Europa e América do Norte.

O experto etíope afirmou que nesas rexións están a aumentar as taxas de ocupación de camas hospitalarias e unidades de coidados intensivos, e aínda que os traballadores sanitarios están mellor preparados agora que nos primeiros meses de pandemia "a situación é aínda moi perigosa".

"É importante agora que todos os gobernos se centren en romper a cadea de transmisión", sinalou, reiterando a necesidade de identificar o maior número de casos de covid-19 posible, illalos e poñer en corentena a posibles contactos.

Tedros engadiu que é prioritario "protexer os traballadores sanitarios e os colectivos vulnerables" nunha loita que é "a longo prazo pero na que debemos tentar manter baixos os contaxios e á vez garantir que continúen os servizos e os nenos poidan seguir acudindo á escola".

"O inverno achégase, e con iso uns meses que van ser duros", concluíu Tedros, quen tamén recomendou ás redes sanitarias que garantan a súa subministración de osíxeno, dexametasona e outras ferramentas para o tratamento dos casos máis graves da covid, cando o mundo achégase aos 40 millóns de contaxios.

O director xeral agregou que son xa 184 os países que se uniron á plataforma COVAX para financiar a investigación de vacinas e garantir que estas sexan distribuídas en todo o mundo.