CRTVG

Buscar

O xurado popular declara por unanimidade culpable o acusado do crime de Chapela

Publicado o 11/04/2019 22:55

Un xurado popular declarou por unanimidade culpable de dous delitos de asasinato, un deles en grao de tentativa, o acusado de matar dun disparo un mozo de 25 anos na noite do San Xoán de 2017 na praia de Arealonga, en Chapela (Redondela).

Así mesmo, o xurado declarou culpable a José Luis L. P., con sete votos a favor e dous en contra, dun delito de tentativa de homicidio aos axentes que o reduciron; mentres que por unanimidade declarárono tamén culpable de tenza ilícita de armas. O veredicto dado a coñecer esta tarde na sección V da Audiencia de Pontevedra considera acreditado que o acusado disparou subitamente e de socato á vítima mortal, Daniel B. P., que non tivo a oportunidade de defenderse.

Igualmente, o xurado estima acreditado que disparou a dar por detrás a un mozo que lle fora reprochar a súa agresión á vítima mortal. Tamén por unanimidade, o xurado descartou que o acusado estivese diagnosticado dalgunha anomalía psíquica que lle anulase as súas capacidades e lle impedise discernir entre o ben e o mal, así como rexeitou que o acusado actuase baixo os efectos do alcol, as drogas e a síndrome de abstinencia.

Onde houbo discrepancia no xurado, con sete votos a favor e dous en contra, é en que o acusado fixera caso omiso ás ordes dos policías para que se detivese e mostrase as mans cando tentaba fuxir do escenario do crime. En base a este veredicto, o fiscal ratificou a súa petición inicial de pena, que se eleva aos 42 anos de cárcere; 20 polo delito de asasinato consumado, 10 pola tentativa de asasinato, outros tantos pola tentativa de homicidio e 2 por tenencia ilícita de armas.

A acusación particular, exercida pola familia da vítima, pide 25 anos polo delito de asasinato e dous polo de tenza ilícita de armas. En cambio, a defensa pide que se lle aplique a pena mínima contemplada no Código Penal por cada un dos delitos polos que foi condenado.

A avogada de José Luis L. P. expresou o seu rexeitamento á indemnización solicitada pola acusación particular, 125.000 para cada un dos proxenitores e 38.000 para cada un dos seu dous irmáns.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/04/2019