CRTVG

Buscar

O xurado declara culpable de suborno un funcionario da Subdelegación de Pontevedra que pedía "regaliños"

Publicado o 25/06/2019 20:03
O xurado declara culpable de suborno un funcionario da Subdelegación de Pontevedra que pedía "regaliños"

O xurado popular declarou este martes culpable dun delito de suborno continuado a Francisco Javier M.B., un funcionario da Subdelegación do Goberno de Pontevedra que pedía "regaliños" a cambio de permisos de residencia.

Por sete votos a favor, os membros do tribunal popular emitiron un veredicto de culpabilidade; agora os maxistrados da Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra encargaranse de fixar a condena. O fiscal Augusto Santaló solicitara unha pena de catro anos de prisión e oito de inhabilitación especial para emprego ou cargo público por pedir "regaliños" a varias mulleres que acudiron á institución gobernativa para tramitar permisos de residencia en España.  

Durante a vista oral, o acusado negou os feitos; con todo, segundo este veredicto, quedou probado que no ano 2016 o funcionario pedía diñeiro para realizar funcións propias do seu cargo e conseguiu 200 euros de dúas mulleres diferentes, 150 dunha e 50 doutra.  

O Ministerio Público tamén lle reclama á Audiencia Provincial que lle impoña 32 meses de multa cunha cota diaria de 10 euros e que devolva a dúas das afectadas o diñeiro que lles pediu e conseguiu de forma irregular.

Noticias web

25/06/2019