O xulgado inicia o expediente para declarar a morte de Sonia Iglesias
O xulgado de primeira instancia número 5 de Pontevedra inicia o expediente de declaración de falecemento de Sonia Iglesias, de 37 anos e desaparecida en Pontevedra o 18 de agosto de 2010. Un procedemento que se abre a petición do seu fillo, Alejandro Araújo Iglesias, que no momento da desaparición tiña oito anos.
O avogado Alejandro Vega explica que "dende que desaparece unha persoa teñen que transcorrer uns dez anos para declarar a súa morte", e di que tanto pode instalo a familia coma o Ministerio Público.
Será a resolución xudicial a que dite a data oficial do falecemento. Esta modificación implica algúns cambios. "O que se produce é a apertura da herdanza, de xeito que se poidan repartir os bens da persoa falecida", explica Vega.
O procedemento iníciase dous meses despois do falecemento de Julio Araújo, o que fora parella de Sonia Iglesias e pai do seu fillo. Foi o principal sospeitoso da desaparición e chegou a estar imputado nunha ocasión. Pero malia as continuas investigacións policiais e os rastrexos, o corpo de Sonia nunca apareceu, e, ante a falta de probas contundentes, o caso quedou provisionalmente arquivado.