CRTVG

Buscar

O xulgado homologa o plan de refinanciamento proposto por Barreras

Publicado o 19/02/2020 16:13

• O xuíz constata a viabiliade "a curto e medio prazo"

O xulgado homologa o plan de refinanciamento proposto por Barreras

O Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, con sede en Vigo, homologou o acordo de refinanciamento extraxudicial de pagos subscrito por Hijos de J. Barreras o pasado 2 de febreiro. O órgano xudicial declarou que o plan de reestruturación non pode ser rescindido, do mesmo xeito que todos os negocios, actos e pagos realizados ao seu amparo, nin as garantías constituídas en execución do acordo.

As entidades financeiras acredoras, afectadas pola homologación, manterán os seus dereitos fronte aos obrigados solidariamente co debedor e fronte aos seus fiadores e avalistas, os cales non poderán invocar nin a aprobación do acordo de refinanciamento nin os efectos da homologación en prexuízo daqueles.

O auditor de contas do estaleiro certificou que Barreras conta co pasivo suficiente para a subscrición dese acordo, e dado que tamén se cumpre o requisito de alcanzar o pacto con polo menos o 51 por cento dos acredores, o xuíz deu luz verde á homologación. O estaleiro solicitou esa homologación "producíndose unha viabilidade a curto e medio prazo do seu negocio, como consecuencia dunha ampliación significativa do crédito dispoñible cun financiamento adicional e incremento do prezo para percibir", segundo recóllese no auto do xulgado do Mercantil.

Indícase que "se diminuíu o risco financeiro coa cancelación do contrato de liña de aval de devolución" e que "se fixou unha modificación das obrigacións de pago mediante prórroga do seu prazo de vencemento (...), que se fixa en maio de 2021". 

O estaleiro vigués, controlado pola navieira de Ritz Carlton, presentou o acordo no xulgado a principios de febreiro, xusto a piques de cumprirse o prazo de finalización do preconcurso. Nese plan de rescate, Barreras presentou un acordo con Cesce e coa banca, que contemplaba asumir o sobrecusto do cruceiro Evrima, e ao que posteriormente se adheriron as empresas auxiliares.

As auxiliares acredoras, agrupadas na sociedade Uninaval, aceptaron sumarse ao plan para non abocar a Barreras ao concurso e despois de que o estaleiro adoptase diversos compromisos. Entre eses compromisos, está o de saldar, no momento en que o xulgado homologue o acordo de refinanciamento e se volva ao traballo, a metade da débeda contraída con estas empresas na construción do cruceiro de Ritz Carlton, mentres que o resto abonarase á entrega do buque.