CRTVG

Buscar

O xuízo contra o ERE de Alcoa será o día 3 de decembro

Publicado o 12/11/2020 11:36
O xuízo contra o ERE de Alcoa será o día 3 de decembro

O vindeiro 3 de decembro celebrarase o xuízo pola demanda de despedimento colectivo presentado polos traalladores contra Alcoa, segundo acaba de anunciar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

As partes están citadas esa mesma mañá a un acto de conciliación previo. Unha formalidade da que non se espera, a día de hoxe, resultado positivo, e tras a cal comezará o acto de xuízo.

Os sindicatos CCOO, UXT e CIG solicitan que o ERE sexa declarado nulo na demanda conxunta que presentaron e alegan que non houbo negociación real porque a empresa "nunca quixo negociar". Ademais aseguran que as causas económicas ás que alude a empresa non derivan de problemas estruturais senón da falta de investimentos na modernización da planta.

O TSXG prohibiulle á empresa apagar as cubas de eletrólise de San Cibrao, unha decisión que foi recorrida por Alcoa. A multinacional afirma que defenderá "a súa posición", que podería deixar na rúa 524 traballadores da planta de aluminio primario.