CRTVG

Buscar

O xuízo contra a antiga cúpula de Pescanova queda esta semana visto para sentenza

Publicado o 08/06/2020 21:54
O xuízo contra a antiga cúpula de Pescanova queda esta semana visto para sentenza

A sección cuarta da Sala do Penal da Audiencia Nacional retomou esta mañá o xuízo contra a antiga cúpula de Pescanova para que as partes expoñan os seus informes finais.

Está previsto que este xoves quede visto para sentenza o proceso que trata de desentrañar responsabilidades nunha das maiores crebas empresariais da historia de España, tras unha suspensión de pagamentos por importe duns 4.000 millóns de euros.

O caso saltou en 2013, cando sorprendentemente se declarou a suspensión de pagamentos na multinacional con sede en Redondela, o cal destaparía unha trama de sociedades e prácticas supostamente irregulares para maquillar as contas da empresa e as súas débedas.

No banco dos acusados, 19 antigos directivos da empresa para os que a acusación pide máis de 160 anos de prisión, encabezados polo expresidente Manuel Fernández de Sousa, que se enfronta a 22 anos de cadea.

As defensas elevaron a definitivas as súas solicitudes de libre absollución invocando, na maior parte dos casos, e de seren condenados os seus representados, a atenuante de "dilacións indebidas". Mesmo, no caso do avogado de Manuel Fernández de Sousa, ex-presidente da empresa, pediu tamén de forma subsidiaria, se é condenado, as atenuantes de confesión, reparación do ano e eximente por necesidade.

Pola súa parte, o fiscal apoia a súa petición de pena "coa firme convicción de que as circunstancias e os indicios son hoxe xa feitos probados". Uns feitos que, para a acusación pública, poden resumirse en tres prácticas "irregulares baseadas nun engano": créditos para financiar operacións inexistentes entre a empresa matriz e as filiais, unha rede de sociedades instrumentais e o incremento da liña de crédito cos báncos.

Nese sentido, o fiscal apunta especialmente a Manuel Fernández de Sousa que, "interesado en captar determinados investidores particulares" interveu persoalmente, "asinando os documentos importantes" nunha sorte de 'espreita' a eses investidores. Así, puxo como exemplo correos remitidos por Fernández de Sousa a empresas -agora no xuízo como acusacións- como Silicon Metal Holding ou Luxempart: "Espero que te unas a nós", leu o fiscal dun deses correos asinados polo ex-presidente de Pescanova que, asegurou, "oculta que se trataría dun investimento ruinoso nunha empresa insolvente".