CRTVG

Buscar

O Xoves de Compadres métenos de cabeza no Entroido

Publicado o 14/02/2020 13:14

O folión retumba un ano máis nas rúas de Viana do Bolo. Baixo a grotesca mirada do lardeiro, os compadres enfariñan as mulleres na primeira noite do Entroido.

Ao mesmo tempo, en Verín, son os petardos os que advirten da chegada dos compadres.

Ataviados cos seus chapeus e gabardinas, os compadres escoltan o maragato ata a Praza Maior, onde será xulgado e queimado.

En Verín a festa continúa a fin de semana co Domingo Corredoiro, cando os cigarróns acoden á saída da misa para recibiren os fregueses.

Tamén festexan o Corredoiro en Xinzo de Limia. O próximo domingo é o primeiro en que as pantallas se deixan ver. Unha xornada en que os disfraces e as charangas nos somerxen xa na ambientación do Entroido, que tamén arrinca esta fin de semana na Baixa Limia. En Muíños saen os cabreiros e en Bande os troteiros. Ambas as dúas figuras percorren as aldeas para que a animación do Entroido chegue a todos os veciños.

Noticias web

14/02/2020