CRTVG

Buscar

O Xetafe pasa por riba do Valencia (3-0) e consolídase en Champions

Publicado o 08/02/2020 19:15

Partidazo do Xetafe ante o Valencia. O equipo de José Bordalás foi infinitamente superior nun duelo vital polos postos de Champions. O habitualmente pouco vistoso xogo dos madrileños deu paso neste encontro a un fútbol de moito nivel, vertical, ambicioso e moi entretido. O Valencia sobrevivíu durante unha hora só porque Jaume Domenech estivo inspiradísimo baixo os paus. Retrasou o inevitable en innumerables ocasións dos locais. Jorge Molina, Maksimovic, Cucurella. Todos eles foron frustrados pola grande actuación do porteiro visitante. O vendaval de fútbol do Xetafe non tivo premio na primeira metade. O descanso non cambiou nada. Continuou o repaso en tódalas facetas dun equipo desatado. E finalmente, era inevitable, chegaron os goles. Logo da enésima intervención de Jaume a tiro de Mata, Jorge Molina facía xustiza e inauguraba o marcador. Era o minuto 58. Nese intre, o Xetafe levaba 14 disparos. O Valencia un. O conxunto de Celades vivíu un pesadelo que tivo continuidade porque o propio Jorge Molina non tardou demasiado en marcar o segundo. No minuto 67, tras un par de regates pouco ortodoxos, finalizou dun xeito espectacular a xogada. Cun último engano aos defensas, definíu con mestría para cortar calquera intento de reacción visitante. Molina foi o goleador, pero a actuación coral dos azuis non tivo un pero. Entre os mellores, Cucurella, que aburríu a Florenzi ata que o italiano decidíu acabar co seu sufrimento particular cunha entrada criminal que lle custou o cartón vermello directo. Así as cousas, caeu un gol máis. Ángel superou a un Diakhabi que se parou en plena carreira. O canario deulle o tanto a Jaime Mata, autor material dun máis que xusto tres a cero para un Xetafe que consolida o seu terceiro posto na clasificación e que hoxe demostrou que manexa varios rexistros futbolísticos.

Noticias web

08/02/2020