CRTVG

Buscar

O xabaril dana a colleita de millo en Castro de Rei

Publicado o 20/08/2020 13:52

Novos estragos causados polos xabarís, desta volta no concello de Castro de Rei. Alí, os porcos bravos están a facer das súas nas plantacións de millo.

Plantas dobradas, espigas comidas e unha morea de traballo perdido. É o resultado dos ataques de xabaril que se están a producir nas últimas semanas en Castro de Rei e en toda a Terra Chá.

Os veciños din que os exemplares do porco bravo se ven a plena luz do día e que os animais entran en hortas e prados a diario. Pero a peor parte lévana as plantacións de millo, xusto no momento en que comezan a chegar ao seu máximo crecemento.

A falta de batidas de caza, recoñecen que apenas se pode facer nada para defender os cultivos forraxeiros.

"Todos estes días víronse por aquí xabarís. Eu mesmo os vin nesta leira. Así que hai polo menos cinco ou seis. E eso se non andan máis", asegura o gandeiro Francisco Puente. 

Nin os simuladores de disparos ou petóns, nin os fíos electrificados nin as visitas periódicas ás leiras conseguen manter a raia os xabarís.

Nunha das plantacións botaron dúas hectáreas e media de millo, pero cren que será unha sorte se chegan a recoller unha.

Así, as perdas directas van ser de 1.800 euros aos que hai que engadirlle o custo da forraxe que haberá que mercar para sustituir a danada. Ademais, haberá que contratar un servizo de maquinaria para fresar toda a terra.

"Perdemos cartos cartos porque o millo derramado xa non serve. E despois hai que pasar o traballo de limpar e preparar a terra outra vez. Este ano é peor que os anteriores. Hai máis xabarís e con máis fame", di Puente.

Os gandeiros sinalan que a deste ano apuntaba a ser unha colleita moi boa de millo na Chaira, podendo chegar ás 60 toneladas por hectárea. Agora lamentan que o xabaril arrefríe as boas expectativas.

Noticias web

20/08/2020