CRTVG

Buscar

O luns tentarase constituír o xurado popular do caso de Diana Quer

Publicado o 09/11/2019 10:28

O vindeiro luns, 11 de novembro, volverase intentar constituír a elección do xurado popular que xulgará o caso do crime de Diana Quer hai dous anos. O pasado día 28 de outubro, data prevista para o comezo do xuízo, non se constituíu totalmente o xurado popular. Só dezasete membros foron preseleccionados, dos vinte necesarios que marca a xuíza que levará o caso, na sección sexta da Audiencia en Santiago.

A mañá do vindeiro luns, 11 de novembro, están citadas 12 persoas, das que se validarán 3, que xunto ás dezasete que xa están elixidas conformarán o xurado popular que se encargará de analizar os feitos e emitir un veredicto sobre o crime de Diana Quer.

Ao día seguinte, o 12 de novembro, comezarán as sesións coa declaración do acusado, José Enrique Abuín Gey, alias o Chicle, nunha xornada en que tamén está previsto que interveñan como testemuñas os pais de Diana Quer.

Entre o 13 e 15 de novembro desenvolveranse tres xornadas en que declararán máis de 50 testemuñas: familiares do acusado e da vítima, feirantes, policías locais e mergulladores que participaron na reconstrución e tamén veciños.

Será a partir do 18 de novembro cando declaren corenta expertos. Analizarán a identificación do coche do Chicle gravado pola cámara dunha gasolineira, as pegadas e restos biolóxicos no vehículo, o rastrexo dos teléfonos móbiles, amais de dous informes forenses, que pecharán as sesións o 21 de novembro.

Estímase que a semana do 25 de novembro podería entregarse ao xurado o obxecto de veredicto, tras o que se iniciará o período para a deliberación, ata chegar á sentenza.

En declaracións á Televisión de Galicia o avogado da familia de Diana, Ricardo López Lama, amosouse confiado en que comece finalmente a próxima semana o xuízo polo caso de Diana Quer, que conmocionou este país. O acusado, José Enrique Abuín Gey, alias o Chicle, único acusado e autor confeso do crime, enfróntase aos delitos de asasinato, agresión sexual e detención ilegal, polos que fiscalía e a acusación particular piden prisión permanente revisable.



 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/11/2019