CRTVG

Buscar

O verán inestable deixou unha colleita escasa de pementos de Herbón

Publicado o 02/10/2019 13:40

Un mes antes de que conclúa a venda de pementos de Herbón con Denominación de Orixe Protexida, a campaña foi irregular e moi marcada polas oscilacións nas temperaturas dos meses de verán. Ás variacións de produción tamén se engadiron as pragas, que dispararon os custos.

Este ano a planta sufriu máis estrés por culpa das condicións tan cambiantes do clima. O ciclo dun pemento dura aproximadamente uns quince días, desde que se forma a flor ata que se extrae. No caso da variedade de Herbón, cando chega ao tamaño de entre tres e seis centímetros, apáñanse. O tempo tamén inflúe no tamaño que terán no momento da colleita.

"As temperaturas que houbo este verán, xa vistes que non houbo verán. Era como unha primavera de choiva, de frío, un día viña de sol. As noites non eran o suficiente quentes como para que o pemento tamén medrase. Entón foi un pouco irregular de picos. Había uns días que tiñas moitos pementos porque viñeran uns días bos e de repente baixaban as temperaturas e volvías a non ter pementos. A cousa está irregular", di Milagros González Refojo, presidenta da D. O. P. Pemento de Herbón.

O prezo de venda mantívose máis estable arredor dos 6 euros o quilo. Pero aínda que houbo mellores prezos a pragas fixeron que os custos aumentaran.

"Estas humidades e esta calor afectaron máis o oídio, houbo máis pulgón. Este ano houbo unha praga de pulgón moi grande, era unha cousa incrible. Houbo de todo, porque é o que leva que o tempo estea así, máis inestable, lévache a ter de todo. Houbo máis problemas para levalos arriba nas raíces, houbo máis enfermidades de raíz, morreron máis pementos. Houbo asociados que incluso perderon de apañar antes porque tiveron afectados os invernadoiros", conta Milagros.

Agora recóllese máis amodo porque as plantas xa non producen como o facían, debido a que xa está entrado outubro. A finais de mes terán as cifras globais. O que poden asegurar agora é que, malia minguar a produción, o traballo aumentou para os produtores na escolma para poñer no mercado pemento de primeira calidade.

 

Noticias web

02/10/2019

Máis sobre Padrón