O vento derruba outra das árbores centenarias de Lousame
Os veciños de Silvarredonda notan a falta dun dos referentes da aldea: a sobreira de Campelo. A forza do vento puido por fin coa impresionante árbore que segundo a súa ficha de catalogación medía 18 metros de altura e máis de 4 de perímetro.
En tempos, nestes lugares cada veciño tiña a súa sobreira para aproveitar as cortizas. Agora o principal proveito que lles sacan ás que perviven é recreativo e os veciños considéranas un patrimonio común.
Son exemplares protexidos oficialmente, aínda que a súa principal protección é o aprezo que lles teñen.
Pero iso non as libra doutro tipo de perigos. De feito, como a de Campelo non é a primeira que desaparece en pouco tempo, o Concello vai pedir o informe dun biológo para descartar que poidan estar afectadas por algunha peste. Queren asegurar que os veciños poidan seguir desfrutando do seu patrimonio natural e emocional.