CRTVG

Buscar

O turismo rural ofrece celebracións do fin de ano para todos os petos

Publicado o 31/12/2019 14:17

Tranquilidade e unha contorna natural envexable lonxe do mundanal ruído. Iso é o que ofrecen os aloxamentos de turismo rural coma este de Palas de Rei para pasar unha noitevella diferente. Por 40 euros a noite, este muíño que aínda funciona conta no seu interior con todo tipo de comodidades.

"O que lles vedemos é a tranquilidade. Aquí mesmo parece que está prohibido pechar a porta. Din que como é que están aquí de noite nunha casa soa, pero é que hai opinións para todos os gustos".

Un turismo rural máis convencional é o que ofrece este conxunto etnográfico situado á beira do río Miño no concello do Corgo. Neste caso, o importe da habitación é de 75 euros, máis outro tanto por persoa pola cea de fin de ano.

"Pensamos nun fin de ano tranquilo cun menú especial con varios pratos, mariscos e moi boa compañía, un fondo de música moi agradable e sobre todo as uvas da sorte".

Tal é o éxito deste tipo de ofertas para celebrar o fin de ano, que esta noite haberá plena ocupación en ambos establecementos.

"Contamos con nove habitacións e estamos completos. Temos parellas e tamén veñen grupos de amigos, que buscan relax nunha contorna agradable e tranquila".

"Tamén se porta o muíño connosco e nós co muíño, que terminou en ser turístico. O muíño moeu, pero agora é cando moe ben".

O turismo rural confírmase como unha alternativa para todos os petos tamén para celebrar a chegada do Aninovo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

31/12/2019