CRTVG

Buscar

O TSXG confirma a condena de 30 anos de cárcere para o asasino de Ana Enjamio

Publicado o 04/08/2020 14:56

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirma a sentenza que condena a trinta anos e catro meses de prisión a César Adrio. Deste xeito dálle a razón á Audiencia Provincial de Pontevedra, que o acusa dun delito de asasinato con aleivosía da súa ex-parella Ana Enjamio no 2016 en Vigo. 

A sentenza da Audiencia provincial considerou probado que César Adrio acabou coa vida da súa exparella Ana Enjamio en decembro de 2016 cravándolle un coitelo repetidas veces despois de acosala varios meses porque non aceptou a fin da relación sentimental que mantivera con ela.

Apunta que a noite que se cometeu o crime o condenado abordou a moza no portal do seu edificio en Vigo e atacouna por sorpresa co coitelo sen que ela puidese defenderse. O ataque concentrouse no corazón da vítima.

A sentenza tamén deixa probado que Ana Enjamio foi acosada desde a ruptura da súa relación. Por estes motivos César Adrio foi condenado a 25 anos de prisión polo delito de asasinato, a 20 meses por acoso así como a tres anos e oito meses de prisión pola vulneración da intimidade.

Tras a celebración hai un mes da vista de apelación, o Tribunal Superior de Xustiza acaba de confirmar a sentenza coa condena que se lle impón ao acusado.

Noticias web

04/08/2020