CRTVG

Buscar

O TSXG admite a trámite o recurso dos hostaleiros de Pontevedra contra o peche decretado pola Xunta

Publicado o 02/03/2021 18:26
O TSXG admite a trámite o recurso dos hostaleiros de Pontevedra contra o peche decretado pola Xunta

 A Sección Terceira do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) admitiu a trámite o recurso interposto polos hostaleiros de Pontevedra contra a medida de peche temporal do sector adoptada o 26 de xaneiro de 2021 pola Consellería de Sanidade. 

 Tal e como confirmaron fontes xudiciais, o TSXG, "tras devolver o recurso por defectos de forma o pasado 18 de febreiro e recibir a documentación que faltaba, admitiuno a trámite". A Federación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Pontevedra (Feprohos) engadiu que o Tribunal requiriu á Xunta que remita o expediente sobre o que fundamentou a disposición xeral pola que decretou o peche. Ademais, acordou "formar peza separada para estudar a solicitude de medida cautelar" da suspensión do peche temporal. 

 Este recurso contencioso-administrativo foi presentado pola Federación Provincial de Empresarios de Hostalaría o pasado mes de febreiro contra a decisión da Administración autonómica de manter o peche da hostalaría e para pedir a apertura cautelar do sector hostaleiro.   

O presidente da federación trasladou que o peche temporal "é demasiado lesivo para o sector" e trátase dunha medida que debería ir acompañada de axudas suficientes para "cubrir os danos e prexuízos causados". 

 Ao devandito recurso súmase o contencioso-administrativo presentado a pasada semana polos hostaleiros e comerciantes de Pontevedra ante o TSXG para reclamar á Xunta unha indemnización por lucro cesante, en correspondencia coas cantidades que deixaron de percibir en 2020 e 2021 debido ás limitacións aplicadas ao sector con motivo da pandemia.

Noticias web

02/03/2021