CRTVG

Buscar

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avala as restricións en Ourense

Publicado o 09/10/2020 19:45
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avala as restricións en Ourense

A sección terceira da sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avalou nun auto as restricións implantadas pola Xunta na provincia de Ourense como medida de prevención ante a evolución da situación epidemiolóxica.

O alto tribunal galego ratifica pois as medidas adoptadas nas comarcas de Allariz-Maceda, O Carballiño, Ourense, O Ribeiro, Valdeorras e Verín, así como en toda a provincia de Ourense.

No caso das localidades de Ourense e Barbadás, as medidas comprenden a prohibición de saír desta unidade territorial conxunta, así como as reunións de persoas non conviventes e de consumir no interior de bares e cafeterías ante o aumento de casos positivos. Os restaurantes poden acoller a grupos dun máximo de cinco persoas.

No seu auto, os maxistrados conclúen que as medidas solicitadas son "idóneas para a prevención e protección da saúde da poboación á que van destinadas; necesarias, dada a constatación dunha situación de perigo actual e real para a saúde dos cidadáns; e proporcionadas, ponderando os diferentes intereses en conflito".

A Sala entende que a medida está xustificada no informe da Consellería de Sanidade sobre a situación da pandemia nesas zonas e, ademais, destaca que o Ministerio Fiscal se mostrou favorable a ela.

Neste sentido, puntualiza que aínda que as medidas "implican a privación ou restrición da liberdade ou doutro dereito fundamental", estas teñen "amparo nas leis que fundamentan a solicitude".

O Tribunal Superior de Galicia tamén ratifica as medidas adoptadas no punto primeiro da orde do 7 de outubro como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da covid-19 na comarca de Santiago.