CRTVG

Buscar

A xustiza europea avala a inmunidade de Junqueras como eurodeputado

Publicado o 19/12/2019 10:25

• O TXUE di que debeu ser recoñecido como eurodeputado e ter inmunidade desde a proclamación de resultados

O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) ditou este xoves que o ex-vicepresidente da Generalitat e líder de ERC, Oriol Junqueras, debeu ser recoñecido como eurodeputado desde a proclamación oficial dos resultados das eleccións ao Parlamento europeo do pasado mes de maio e gozar "desde ese mesmo momento" de inmunidade.   

Na súa sentenza, a xustiza europea di que unha persoa que foi oficialmente proclamada electa polo Parlamento Europeo cando se atopaba en prisión provisional por delitos graves debe ser recoñecido como eurodeputado, aínda que non fose autorizada a cumprir os requisitos previstos polo dereito interno nin a desprazarse á Eurocámara para participar na súa primeira sesión.   

A condición de eurodeputado, engade o ditame, implica desde ese mesmo momento que a persoa goza dunha inmunidade que implica o levantamento da medida de prisión provisional imposta, co obxectivo de que "se lle permita ao eurodeputado desprazarse ao Parlamento Europeo e cumprir aí as formalidades requiridas".   

Se o tribunal nacional competente estima, con todo, que debe manterse a medida de prisión provisional tras a adquisición polo interesado da condición de membro do Parlamento Europeo, ha de solicitar "o máis axiña posible" á Eurocámara que suspenda esa inmunidade.

A Gran Sala de Luxemburgo, con todo, deixa nas mans do Tribunal Supremo español "apreciar os efectos aparellados ás inmunidades de que goza" Junqueras polo artigo 9 do protocolo 7 sobre privilexios e inmunidades da UE, de acordo ao dereito europeo.   

A resolución responde as cuestións prexudiciais expostas polo Tribunal Supremo a pedimento dos avogados de Junqueras, que pediron esta consulta nun recurso de súplica contra a decisión do Alto Tribunal de non darlle permiso para ir acatar a Constitución ante a Xunta Electoral Central e así acceder á condición plena de eurodeputado.   

A sentenza ditada pola Gran Sala do Tribunal, composta por quince xuíces que non emiten votos particulares, entre eles a española Rosario Silva de Lapuerta, foi lida polo presidente da corte europea, o belga Koen Lenaerts.  

Junqueras reclama a "nulidade da sentenza e liberdade para todos"

O presidente de ERC, Oriol Junqueras, reclamou este xoves desde o cárcere de Lledoners, a través de Twitter, "a nulidade da sentenza" e "liberdade para todos" os procesados polo 1-O.

"A xustiza chegou desde Europa. Vulneráronse os nosos dereitos e os de 2.000.000 de cidadáns que nos votaron", protestou Junqueras nun chío tras coñecerse a sentenza do TXUE.

Esixiu a "nulidade" da sentenza do Tribunal Supremo contra os líderes independentistas que impulsaron o referendo unilateral do 1-O e reclamou "liberdade para todos".

"Persistide como fixemos nós!", conclúe o presidente de ERC, que foi cabeza de lista dos republicanos nas eleccións europeas do pasado 26 de maio. 

O TS anuncia que estudará en profundidade a decisión do TXUE

O Supremo anunciou que estudará "en profundidade" a sentenza na que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea establece que o ex-vicepresidente da Generalitat Oriol Junqueras debería ser recoñecido eurodeputado desde que foi elixido, e deu traslado ás partes para que dirixan as alegacións pertinentes.

A Sala que xulgou e condenou a 13 anos de prisión a Junqueras emitiu un comunicado no que indica que examinará o contido íntegro da sentenza ditada este xoves pola Xustiza europea.

Tras a publicación da sentenza -que responde a varias cuestións expostas polo propio Supremo- a Sala acordou dar traslado á Fiscalía, a Avogacía do Estado, Vox -acusación popular- e a defensa do líder de ERC para que presenten as súas alegacións durante cinco días.

Unha vez recibidos e examinados os escritos das partes, "acordarase o procedente", segundo indica o comunicado da Sala, no que lembra que a súa consulta circunscribíase ao alcance da inmunidade de Junqueras "cando dita persoa se atopaba en prisión provisional".

Fiscal cre que sentencia non implica liberar a Junqueras e pide inhabilitalo

A Fiscalía considera que a sentenza na se recoñece que Oriol Junqueras era eurodeputado desde a proclamación dos resultados non implica a súa excarceración ao considerar que sobre el pesa unha condena firme, e pediu ao Supremo que execute a pena de inhabilitación á que lle sentenciou.

Nun escrito remitido á Sala que xulgou e condenou a 13 anos de prisión a Junqueras por sedición e malversación no 'procés', os fiscais do caso consideran que a súa situación non cambiou.

Dado que non está suxeito a ningunha medida cautelar, senón condenado en firme -explican-, a Fiscalía pide que se execute a súa pena de 13 anos de inhabilitación e urxe a que se remita a sentenza ao Parlamento Europeo "a fin de que produza os efectos oportunos en relación coa perda da súa condición de europarlamentario".

O avogado de Puigdemont insta ao Supremo a deixar en liberdade a Junqueras

Gonzalo Boye, avogado do ex-presidente da Generalitat Carles Puigdemont, aplaudiu a decisión do TXUE de avalar a inmunidade do ex-vicepresidente catalán Oriol Junqueras, e emprazou ao Tribunal Supremo a poñelo xa en liberdade.

"Xa está a tardar o Supremo en poñer en liberdade a Junqueras", publicou Gonzalo Boye na súa conta de Twitter, apenas media hora despois de que o TXUE dese a coñecer a súa sentenza sobre o alcance da inmunidade do  expresidente da Generalitat.

A resolución sobre Junqueras abre a porta a que se recoñeza a inmunidade de Carles Puigdemont e do ex-conseller de Saúde Toni Comín, que foron elixidos europarlamentarios nas eleccións do pasado 26 de maio.

ERC pide "a nulidade do xuízo e a liberdade inmediata" de Oriol Junqueras

ERC pediu este xoves a "nulidade do xuízo e a liberdade inmediata" do secretario xeral do partido, Oriol Junqueras, condenado a 13 anos de prisión por un delito de sedición e malversación.   

Os republicanos fan esta demanda despois de que leste mesmo xoves o Tribunal de Xustiza da Unión Europea ditase que o ex-vicepresidente da Generalitat e líder de ERC debeu ser recoñecido como eurodeputado desde a proclamación oficial dos resultados das eleccións ao Parlamento Europeo do pasado maio e gozar "desde ese mesmo momento" de inmunidade.   

No Parlament de Cataluña, os deputados de ERC, JxCat e a CUP proferiron este xoves berros de "liberdade" tras coñecerse que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) considera que Oriol  Junqueras debería ser considerado eurodeputado e gozar de inmunidade.

A decisión de Luxemburgo sobre a inmunidade de Junqueras coñeceuse mentres se debatía na cámara catalá unha moción de Ciudadanos sobre a falta de neutralidade de TV3.

Os partidos independentistas puxéronse en pé e clamaron "liberdade" despois de que o deputado de ERC Rubén Wagensberg fixese referencia ao ditame da xustiza europea.

"A xustiza europea está a chegar", sinalou o deputado republicano, quen lembrou que "unha persoa que leva dous anos de prisión acaba de ser declarada impune".

Wagensberg sinalou igualmente o seu desexo de que "tamén Carles Puigdemont e Toni Comín poidan ocupar os seus escanos no Parlamento Europeo".

Nos corredores da cámara catalá, abrazos tamén do portavoz de JxCat, Eduard Pujol, con varios deputados do seu grupo e saúdos e felicitacións do presidente da Generalitat Quim Torra ao resto de membros do Govern.

Pola súa banda, o deputado de Ciudadanos Nacho Martín Blanco acusou aos deputados independentistas de "manipular" as noticias.

"É ridículo que vostedes queiran facer pasar á súa parroquia isto como vitoria ao Estado de dereito español", afirmou.

"É inmunidade, non impunidade, e desde o momento en que son electos, non antes, que é o que pretenden", engadiu Martín Blanco.

O PP asegura que: "Dígao quen o diga, está condenado e ten que cumprir a pena"

O secretario xeral do Partido Popular, Teodoro García Egea, asegurou este xoves que Junqueras, "está condenado e ten que cumprir a súa pena, dígao quen o diga".   

O dirixente popular reaccionou así nunha entrevista en TVE, despois de coñecer a decisión do Tribunal de Xustiza da Unión Europe. Neste sentido, García Egea mostrouse prudente e pediu esperar para ver "en que se traduce" esta decisión. "Aínda que é certo que escoitamos que a persoa condenada pode desprazarse a obter a súa condición (de eurodeputado), está en mans da xurisdición española e do Tribunal Supremo", apuntou.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/12/2019