CRTVG

Buscar

O temporal deixa centos de incidencias e un día para reparar danos

Publicado o 17/01/2020 15:32

• A estrada a Corrubedo seguirá cortada por unha fochanca de dous metros de profundidade

Máis da metade das incidencias do temporal, máis de 200, sufriunas a provincia da Coruña. Dende eses anegamentos en Corrubedo ata as inundacións en Porto do Son e Boiro. E entre Boiro e Noia, torrentes querendo ocupar a estrada. Chuvia e máis chuvia. No limítrofe concello de Lousame recolléronse eses 126 litros por metro cadrado que marcaron o máximo en Galicia. 

Corrubedo totalmente illado

A principal estrada de acceso a Corrubedo está cortada desde onte. A cantidade de precipitación que caeu a partir das nove e media da mañá abriu un furado enorme na calzada. Ao mediodía moita xente quedou illada sen saber que pasaba. Os máis preocupados, os pais dos rapaces que utilizan o transporte escolar.

A estrada afectada é unha vía autonómica e precisamente neste punto estaban a facer obras de drenaxe. Os técnicos da Xunta teñen que avaliar os danos e, segundo explicaron, a estrada vai permanecer cortada uns días así que para entrar e saír de Corrubedo hai que dar unha volta de quince quilómetros.

Segundo datos de MeteoGalicia, en Corrubedo recolléronse onte 75 litros por metro cadrado en todo o día, aínda que as precipitacións concentráronse entre as nove e vinte da mañá e as cinco e vinte da tarde. Non foi o punto onde máis choveu, en Lousame recolléronse 126 litros.

E no concello coruñés de Cambre, unha familia tivo que ser rescatada da súa casa como consecuencia da intensa chuvia caída nas últimas horas. É a segunda vez, en menos dun mes, que a auga lles chega ao pescozo.

Seguindo o camiño dos estragos, na provincia de Pontevedra un cento de incidencias. Anegamentos en Vilanova de Arousa. Sumidoiros rebordando en Pontevedra. Rodas de coche tomando un baño en Vigo, onde o vento quixo apurar a recollida das casetas do mercado de Nadal. Un voo tivo que ser desviado pola culpa deses refachos que peiteaban ou despeiteaban o mar. 

Despeiteaban cabezas na provincia de Lugo. Unha trintena de incidencias. Ventos de ata 130 quilómetros por hora na Pontenova. Cortes de tráfico na A-8, desta volta non por néboa, senón por aire. No litoral, frota de baixura amarrada. 

E na provincia interior, só unha ducia de incidencias, pero Ourense non se librou do festival de auga e de vento. Tamén superou os 130 quilómetros por hora.   

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/01/2020