CRTVG

Buscar

O tempo seco dálles unha tregua aos agricultores da Limia

Publicado o 04/02/2020 14:14

Os agricultores da Limia confían en que as previsións de tempo seco nos próximos días lles permitan volver traballar as leiras para recuperárense, minimamente, das perdas dos últimos meses. Do cereal de inverno salvaron só un cinco por cento e agardan poder sementar canto antes o de primavera.

A néboa impide ver o sol esta mañá na Limia, pero non se agardan chuvias nos próximos días, así que a terra, aínda encharcada, empeza a enxugar.

Quedan moitas leiras, as gañadas á antiga lagoa de Antela, onde aínda non entra a maquinaria.

Este millo, que debían ter recollido en novembro, acusa os efectos da intemperie, tras dous meses de máis baixo a chuvia e o vento.

Segundo os cálculos dos produtores, este inverno perdéronse 200 hectáreas de millo e o 95 por cento do cereal, entre o que non se puido sementar e o que se perdeu posteriormente, por mor dos asolagamentos. Estas imaxes son de finais de decembro, tras o paso dos temporais Elsa e Fabien.

En canto á terra sirva, sementará o cereal de primavera, pero xa avanzan que o rendemento non é o mesmo que o de inverno.

Con estas expectativas, poñen xa a vista na pataca, confiando en que o ano si sexa favorable para o produto de referencia da Limia.

Noticias web

04/02/2020