CRTVG

Buscar

O teléfono e as videoconferencias aseguran o contacto coa familia dos maiores que viven en residencias

Publicado o 20/03/2020 14:20

Sabedores de que son un colectivo fráxil ante a pandemia, os maiores que viven en residencias están preocupados pola situación pero acatan con resignación e disciplina as medidas que lles afectan. É o caso dos usuarios da residencia García Hermanos de Betanzos. Como no resto de centros non poden recibir visitas, pero as chamadas e videochamadas son unha alternativa de comunicación permanente coas familias que os tranquiliza.

Máis de 170 maiores viven nesta residencia García Hermanos de Betanzos, onde son atendidos por 18 relixiosas e preto de 70 empregados. Antes do sábado xa restrinxiran as visitas e limitaron as saídas dos usuarios, aínda que o centro goza dunha situación privilexiada, cun grande espazo verde onde poden pasear. Residentes, como Virtudes, non ocultan a súa preocupación, pero asumen que as medidas son para protexelos.

Á falta de visitas, o teléfono é o mellor antídoto para a anguria dos residentes e desde o centro preparan tamén a activación das videochamadas.

Pero sen dúbida o maior apoio nestes momentos para maiores é o do persoal que se dedica en corpo e alma a eles.

O persoal segue un protocolo de protección estrito, aseguran que contan con todo o material necesario, e o centro dispón ademais de cuartos illados en previsión de que se produza algún caso.

Noticias web

20/03/2020