CRTVG

Buscar

O TAD dálle a razón á Liga: ao Dépor só lle queda a xustiza para evitar o descenso

Publicado o 26/08/2020 23:40

• O Fuenlabrada quedará en Segunda

O Tribunal Administrativo do Deporte deixou sen competencias a Federación Española de Fútbol para investigar o sucedido arredor do partido entre o Deportivo e o Fuenlabrada o pasado 20 de xullo, o que, en consecuencia, invalida o expediente do instrutor da RFEF que propoñía o descenso do club madrileño.

Na súa resolución, que avanzou Iusport, o TAD considera que o único que ten competencia para investigar é a Liga, cuxo xuíz de disciplina social non percibiu feitos sancionables na viaxe do Fuenlabrada a Galicia con positivos de covid-19 na súa expedición.

Contra a resolución do TAD só cabe recurso na xustiza ordinaria no prazo de dous meses. O ditame do Tribunal Administrativo deuse a coñecer o día antes da reunión que manterán a Liga e a Federación Española de Fútbol coa mediación do Consello Superior de Deportes.

Nese encontro, o CSD pretende conseguir un acordo entre as dúas partes sobre o calendario de Primeira e Segunda División, que fora rexeitado pola Federación Española ao non saber cantos equipos ían competir na categoría de prata a próxima tempada por todo o relacionado co partido Deportivo-Fuenlabrada.

De feito, a Federación propuxera previamente á Liga unha Segunda División de 24 equipos con Deportivo e Numancia, xa que foron os dous equipos que descenderon na última xornada de LaLiga SmartBank, que non se puido disputar en horario unificado, como estaba previsto, polo aprazamento do Dépor-Fuenlabrada.