CRTVG

Buscar

O sur de Lugo celebra o Xoves de Comadres

Publicado o 20/02/2020 21:29

No sur de Lugo celebran hoxe o Xoves de Comadres. En Monforte, Sober ou Bóveda, os homes fixeron os famosos mecos cos que fan burla e parodia das súas veciñas. Vínganse así do que sucedeu á inversa hai unha semana no Xoves de Compadres. Comeza deste xeito a parte forte do Entroido na Ribeira Sacra, que vai durar ata o mércores.

Os veciños de Anllo, en Sober, foron dos que máis empeño puxeron neste Xoves de Comadres. Recolleron apeiros antigos para recrear unha cociña coa súa lareira onde as mulleres da parroquia son representadas coas frases que as caracterizan. Ademais, utilizaron palla para facer os mecos, as figuras das mulleres, como manda a tradición. Un esforzo que, din, paga a pena para que non se perda o Entroido nesta zona.

"Houbo moita colaboración de todos os veciños, e aquí tedes o resultado. Unha lareira das antigas".

"Dá bastante traballo porque hai que facer todos os mecos e logo van saíndo cousas que hai que cambiar".

Tamén na vila de Sober ou nas parroquias de Ribas Altas e Distriz en Monforte os veciños pasaron a xornada colocando os mecos ben á vista para tomar vinganza da burla da que foron obxecto por parte das mulleres hai xusto unha semana. O Entroido no sur de Lugo vai continuar ata o mércores con especial protagonismo dos desfiles de comparsas na fin de semana, o domingo de Entroido en Chantada ou o Oso de Salcedo na tarde do luns. Citas obrigadas para os amantes de don Carnal.

Noticias web

20/02/2020